martes, 15 de novembro de 2022

Un Samaín de medo!

O pasado venres, 28 de outubro, celebramos o Samaín no CEIP Barrantes. Ademais de aprender sobre a orixe desta festa e sobre criaturas típicas da nosa terra, tivemos tempo de facer xogos, poñer a proba a nosa creatividade e habilidades plásticas e, especialmente, de aprender e pasalo ben! De feito, o Samaín deste ano trouxo unha novidade: unha Disco Samaín! Cantamos, bailamos e pasámolo de medo cos compañeiros e compañeiras dos outros grupos! Despois de varios anos se poder xuntarnos, aproveitamos a ocasión para facer o que nos gusta: compartir os bos momentos.

Aquí vos queda un vídeo cheo de diversión e amizade:



xoves, 20 de outubro de 2022

Un magosto de xogos populares!

O pasado venres, 14 de outubro, celebramos o magosto no CEIP Barrantes e que mellor maneira de festexalo que con xogos populares e castañas ben quentiñas! O alumnado de 6º exerceu de monitor dos xogos e o de 5º de capitán de equipo. Así, os oito equipos formados por nenas e nenos de Infantil e Primaria gozaron de distintos xogos populares antes de degustar as castañas. Aquí vos deixamos un vídeo:



mércores, 28 de setembro de 2022

Visita da banda de gaitas San Vicente de Barrantes

O pasado venres visitou o centro Hipólito, o profesor da banda de gaitas San Vicente de Barrantes. Ademais de presentarnos varios instrumentos musicais galegos como a gaita, o charrasco, as cunchas, etc., explicounos os ritmos da muiñeira e da foliada. O alumnado de Primaria quedou impactado coa súa habilidade para crear melodías tradicionais. Como colofón, tocou unha muiñeira acompañado por Lucas, un alumno do centro que tamén forma parte da banda de gaitas San Vicente de Barrantes.



luns, 6 de xuño de 2022

V Certame de Literatura en Prosa, Verso e Ilustración

Durante o mes das Letras Galegas convocouse o V Certame de Literatura en Prosa, Verso e Ilustración do CEIP Barrantes. Un ano máis, o xurado tivo difícil a escolla das gañadoras e gañadores debido á alta participación e a gran calidade dos traballos presentados. Aquí vos deixamos un vídeo que recolle a entrega de premios. 



luns, 23 de maio de 2022

Correlingua 2022

O pasado venres 20 de maio, o CEIP Barrantes participou no Correlingua celebrado en Tomiño. Ataviados con pegatinas que promocionan o uso do galego, alumnado e profesorado gozaron coa Mekanika Rolling Band. 
 


 
O galego conéctanos
con cousas boas e fermosas,
con xente talentosa e intelixente.
Aproveita que
aínda podes…
e FÁLAME!
 
(Manifesto do Correlingua 2022) 


domingo, 15 de maio de 2022

Florencio Delgado Gurriarán, o poeta da terra.

O autor homenaxeado desde ano é Florencio Delgado Gurriarán. O alumnado do CEIP Barrantes investigou a vida e obra deste poeta valdeorrés e elaborou as seguintes producións que podedes ver nestes vídeos.



Así mesmo, todo o alumnado do centro participou na elaboración dun mural colectivo para rendirlle homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán. Cada grupo elaborou postais con fotos de recunchos de Galicia e escribiu poemas sobre eles. 



Galicia infinda!
Nosa Galicia é máis que toda a Terra.
Non é xa o cativo currunchiño
que din escolas vellas.
Cómprenos desbotar antigos erros
fillos de mente estreita:
Galicia infinda!

luns, 4 de abril de 2022

Día da Poesía

O pasado 21 de marzo celebramos o Día da Poesía. Para conmemoralo, no CEIP Barrantes compartimos poesías. Cada nena e neno escribiu un poema, atouno cunha lazada e deixouno nunha mesa para que outro alumno do centro o levara para casa. Que emoción desatar o lazo e ler un poema novo!
 
Para írmonos preparando para o Día das Letras Galegas, deixámosvos un poema de Florencio Delgado Guarriarán, autor homenaxeado deste ano.
 
Galicia infinda!
Nosa Galicia é máis que toda a Terra.
Non é xa o cativo currunchiño
que din escolas vellas.
Cómprenos desbotar antigos erros
fillos de mente estreita:
Galicia infinda!