mércores, 24 de febreiro de 2021

Día de Rosalía: Teus doces cantares

 Hoxe conmemoramos o Día de Rosalía. Un ano máis sumámonos á proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). O lema deste ano é Teus doces cantares e propón unir a idea da música na literatura, a música en Rosalía e a reinvención da nosa tradición lírica-poética-musical en torno á figura desta poeta.

O alumnado de Infantil ata 3º de Primaria traballou a canción de The Lelli Kellies que musicaliza varias estrofas de Cantares Gallegos, mentres que os grupos de 4º a 6º de Primaria fixeron o mesmo coa proposta de Sabastian Black e It’s Soul sobre o poema de Negra Sombra. Aquí vos deixamos os vídeos que realizou o alumnado. 

Así mesmo, compartimos varias fotos do mural conxunto que crearon alumnado e familias. Un ano máis, a comunidade educativa participou activamente. Para render homenaxe á nosa insigne poetisa, completaron, de xeito libre, a estrofa do poema Adiós ríos; adiós, fontes que comeza así:

Miña terra, miña terra

terra donde me eu criei.


 







 #rdc_2021

#TeusDocesCantares  

martes, 23 de febreiro de 2021

Un Entroido medioambiental

Este ano o alumnado do CEIP Barrantes implicouse coa protección de animais en perigo de extinción. Cada grupo escolleu unha especie que estudou e elaborou máscaras e complementos con materiais de refugallo e reciclables. Estas actividades seguen o proxecto de centro deste ano, que é o medio ambiente.

Coa información recompilada, elaboraron un mural conxunto. Ademais, cada clase creou as súas propias Coplas do Meco, que musicalizaron seguindo as indicacións do mestre de música (ver vídeo). Estes poemas versaron sobre a importancia de reciclar e de reducir residuos, en liña co programa de Residuos Cero que está a seguir o centro. De feito, por primeira vez o Meco foi indultado. A pereira que o alumnado de 6º de Primaria decorou foi plantada e o resto dos grupos reciclaron as súas decoracións.

Durante os días previos á celebración do Entroido, cada clase recibiu pola mañá un sobre cunha adiviña sobre un animal escollido por un grupo do colexio. Tiveron que ler as adiviñas e acordar a respostas para así poder descubrir os disfraces do resto das clases. Ademais, na materia de Educación Física aproveitouse para realizar actividades físicas relacionadas cos costumes do Entroido en Galicia, como o domingo faraleiro, os xoves de compadres e comadres, o domingo boteiro, etc. (ver información).

Aquí vos deixamos un vídeo e algunhas fotiños.








xoves, 11 de febreiro de 2021

Paz medioambiental

 Este ano no CEIP Barrantes traballamos a paz nas súas diversas vertentes; tanto dende a convivencia como dende a súa relación co medio ambiente. Leváronse a cabo diversas actividades nas aulas que se plasmaron nun tren que incluía figuras relevantes da paz, achegas na vida diaria que podemos facer, receitas para a paz, etc. Así mesmo, os grupos de 5º e 6º de Primaria elaboraron un abecedegrama ambiental empregando ferramentas TIC, no que cada letra do alfabeto se correspondía cun termo relacionado co medio ambiente, a temática anual do noso centro. Tamén crearon un muro ambiental da paz no que recompilaron datos e motivos para respectar a contorna. 

Aquí vos deixamos varias imaxes e vídeos destes traballos. Que a paz sexa unha constante nas nosas vidas!