martes, 15 de novembro de 2022

Un Samaín de medo!

O pasado venres, 28 de outubro, celebramos o Samaín no CEIP Barrantes. Ademais de aprender sobre a orixe desta festa e sobre criaturas típicas da nosa terra, tivemos tempo de facer xogos, poñer a proba a nosa creatividade e habilidades plásticas e, especialmente, de aprender e pasalo ben! De feito, o Samaín deste ano trouxo unha novidade: unha Disco Samaín! Cantamos, bailamos e pasámolo de medo cos compañeiros e compañeiras dos outros grupos! Despois de varios anos se poder xuntarnos, aproveitamos a ocasión para facer o que nos gusta: compartir os bos momentos.

Aquí vos queda un vídeo cheo de diversión e amizade:



xoves, 20 de outubro de 2022

Un magosto de xogos populares!

O pasado venres, 14 de outubro, celebramos o magosto no CEIP Barrantes e que mellor maneira de festexalo que con xogos populares e castañas ben quentiñas! O alumnado de 6º exerceu de monitor dos xogos e o de 5º de capitán de equipo. Así, os oito equipos formados por nenas e nenos de Infantil e Primaria gozaron de distintos xogos populares antes de degustar as castañas. Aquí vos deixamos un vídeo:



mércores, 28 de setembro de 2022

Visita da banda de gaitas San Vicente de Barrantes

O pasado venres visitou o centro Hipólito, o profesor da banda de gaitas San Vicente de Barrantes. Ademais de presentarnos varios instrumentos musicais galegos como a gaita, o charrasco, as cunchas, etc., explicounos os ritmos da muiñeira e da foliada. O alumnado de Primaria quedou impactado coa súa habilidade para crear melodías tradicionais. Como colofón, tocou unha muiñeira acompañado por Lucas, un alumno do centro que tamén forma parte da banda de gaitas San Vicente de Barrantes.



luns, 6 de xuño de 2022

V Certame de Literatura en Prosa, Verso e Ilustración

Durante o mes das Letras Galegas convocouse o V Certame de Literatura en Prosa, Verso e Ilustración do CEIP Barrantes. Un ano máis, o xurado tivo difícil a escolla das gañadoras e gañadores debido á alta participación e a gran calidade dos traballos presentados. Aquí vos deixamos un vídeo que recolle a entrega de premios. 



luns, 23 de maio de 2022

Correlingua 2022

O pasado venres 20 de maio, o CEIP Barrantes participou no Correlingua celebrado en Tomiño. Ataviados con pegatinas que promocionan o uso do galego, alumnado e profesorado gozaron coa Mekanika Rolling Band. 
 


 
O galego conéctanos
con cousas boas e fermosas,
con xente talentosa e intelixente.
Aproveita que
aínda podes…
e FÁLAME!
 
(Manifesto do Correlingua 2022) 


domingo, 15 de maio de 2022

Florencio Delgado Gurriarán, o poeta da terra.

O autor homenaxeado desde ano é Florencio Delgado Gurriarán. O alumnado do CEIP Barrantes investigou a vida e obra deste poeta valdeorrés e elaborou as seguintes producións que podedes ver nestes vídeos.



Así mesmo, todo o alumnado do centro participou na elaboración dun mural colectivo para rendirlle homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán. Cada grupo elaborou postais con fotos de recunchos de Galicia e escribiu poemas sobre eles. 



Galicia infinda!
Nosa Galicia é máis que toda a Terra.
Non é xa o cativo currunchiño
que din escolas vellas.
Cómprenos desbotar antigos erros
fillos de mente estreita:
Galicia infinda!

luns, 4 de abril de 2022

Día da Poesía

O pasado 21 de marzo celebramos o Día da Poesía. Para conmemoralo, no CEIP Barrantes compartimos poesías. Cada nena e neno escribiu un poema, atouno cunha lazada e deixouno nunha mesa para que outro alumno do centro o levara para casa. Que emoción desatar o lazo e ler un poema novo!
 
Para írmonos preparando para o Día das Letras Galegas, deixámosvos un poema de Florencio Delgado Guarriarán, autor homenaxeado deste ano.
 
Galicia infinda!
Nosa Galicia é máis que toda a Terra.
Non é xa o cativo currunchiño
que din escolas vellas.
Cómprenos desbotar antigos erros
fillos de mente estreita:
Galicia infinda!



luns, 14 de marzo de 2022

Semana da Prensa e 8M: Camiñando Xuntas

Este ano aproveitamos a celebración da Semana da Prensa para reflexionar sobre a igualdade entre mulleres e homes. Baixo o lema "Camiñando Xuntas", o alumnado de Infantil e Primaria elaborou un mural cooperativo no que recompilou noticias e artigos xornalísticos que visibilizan o papel das mulleres na sociedade. Así mesmo, as familias contribuíron á creación desta homenaxe ao 8M que simboliza as pegadas firmes das mulleres que loitan a cotío pola igualdade e a visibilización.

 


 


luns, 7 de marzo de 2022

Un Entroido Superecolóxico!

O pasado venres 25 celebramos o Entroido no CEIP Barrantes. Cada grupo inventou un heroe / heroína cun poder ecolóxico e creou o seu disfrace con materiais de refugallo ou reciclables.

Nos días previos ao Entroido, o Meco Ciclón, que non fai máis que contaminar, deu as ordes que obedeceron os alumnos. Disfrazáronse de Tanxugueiras, deportistas, do que lles apetecía e de durmilóns. Así mesmo, o Meco Ciclón puxo a proba os coñecementos do alumnado sobre o coidado do planeta. Cada mañá, as distintas clases recibiron unha pregunta sobre a ecoloxía que os invitaba a reflexionar sobre o impacto das nosas accións no medio ambiente.

O venres 25, os Superecolóxicos, fartos de tanta contaminación, viñeron ao rescate do CEIP Barrantes, rapearon as Coplas do Meco e reciclaron ao Meco Ciclón! Aquí vos deixamos un vídeo deste día tan especial!



mércores, 23 de febreiro de 2022

Pensamentos de Rosalía

Hoxe celebramos o nacemento de Rosalía de Castro sumándonos, un ano máis, á proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega.  

O alumnado de Infantil ata 2º de Primaria traballou un poema de Rosalía de Castro, co que elaborou pétalos con palabras ou versos de Rosalía empregando distintas cores e tipografía. Os grupos de 3º a 6º de Primaria realizaron unha pequena composición poética e elaboraron pétalos de distintas cores e tipografía. 

Así mesmo, as familias volveron colaborar na elaboración dun mural no que completaron, de xeito libre, os dous versos centrais da estrofa de Cantares gallegos: Adiós, ríos; adiós, fontes; / adiós, ... / adiós, .../ non sei cando nos veremos.

Aquí vos deixamos dous vídeos que resumen este día tan especial para as galegas e galegos. 

 





 

A lingua materna e as posibilidades da tecnoloxía

A temática proposta pola UNESCO para a celebración do Día Internacional da Lingua Materna 2022 é a utilización da tecnoloxía para a aprendizaxe multilingüe. Por iso, o alumnado de 5º e 6º de Primaria, que empregan E-dixgal no seu día a día, seleccionaron diversas páxinas e aplicacións para practicar e avanzar na adquisición de distintas linguas. Recompiláronnas na seguinte ligazón para que podades consultalas:



mércores, 2 de febreiro de 2022

Con motivo do Día da Paz, ademais de traballar os valores asociados á non violencia nas aulas, elaboramos un mural colaborativo no que participou todo o alumnado do centro. Esta actividade a nivel centro pon en valor a importancia da cooperación no traballo e de manter unha actitude conciliadora nos proxectos comúns. Tal e como Mahatma Gandhi dixo: "non existe camiño para acadar a paz; a paz é o camiño".