martes, 22 de decembro de 2020

Un Nadal de Letras

Agora que nos achegamos ao Nadal, O CEIP Barrantes convídavos a visitar a páxina do certame Contádenos o voso Día das Letras. Trátase dun certame no que participou o centro e no que atoparedes distintas actividades sobre a lingua galega e Ricardo Carballo Calero, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

Bo Nadal!


 

martes, 15 de decembro de 2020

Non te cales... Berra NON!

O pasado mércores, 25 de novembro, celebramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A comunidade educativa implicouse nesta conmemoración. O alumnado de Infantil elaborou unha instalación artística no corredor. Baixo o lema Non te cales... Berra NON! Xuntos/as podemos curar a violencia, sacaron fotos berrando, que representan o rexeitamento ante calquera tipo de violencia, e colocaron vendas enriba que simbolizan a cura para esa violencia. As palabras e frases pegadas nos ollos xurdiron dunha bonita e fonda reflexión na aula sobre o que significa para eles a violencia. Pola súa banda, o alumnado de Primaria creou un mural, así como mans con palabras, mensaxes, etc., que expresaban o seu rexeitamento á violencia. Que o lema desta conmemoración estea presente todos os días do ano:

Non te cales... Berra NON! Xuntos/as podemos curar a violencia.

 





luns, 9 de novembro de 2020

O tardo andou a facer das súas no cole!

O venres 30 de outubro celebramos o Samaín no CEIP Barrantes. Foi un día moi especial porque todas as nenas e nenos tiveron que unir esforzos para salvar o cole! Despois de recibirmos durante unha semana notiñas inquedantes, chegou a maldición! Ou descubríamos o autor, ou o cole quedaba baixo un feitizo. Este maléfico personaxe deixou pistas agochadas polo centro que levaban ás pezas do quebracabezas. Como o alumnado é moi espelido e se esforzou, atopámolas todas e descubrimos que o TARDO andaba a facer das súas pola escola! Non lle quedou outra que liscar! Ninguén pode co CEIP Barrantes!



luns, 2 de novembro de 2020

Un Samaín do máis variado!

Durante a pasada semana, o alumnado do CEIP Barrantes realizou diversas actividades relacionadas co Samaín. Empregaron a súa creatividade para darlle unha segunda vida a materiais de refugallo, inventaron e recitaron poemas, crearon monstros empregando simetrías, investigaron a figura do tardo, etc. 

Aquí vos deixamos tres vídeos que resumen a variedade de actividades levadas a cabo. Esperamos que vos gusten!

 





xoves, 29 de outubro de 2020

Misterio en Barrantes!

Durante esta semana, os distintos grupos do CEIP Barrantes están a recibir estrañas mensaxes que falan dun feitizo que está a piques de acontecer. Nunha clase incluso apareceron unhas sospeitosas pegadas! De quen se tratará? Mentres este misterio non se aclara, algún grupo incluso planea facer unha apócema...
 

           



domingo, 25 de outubro de 2020

Celebramos o magosto!

 O venres 16 de outubro celebramos o magosto no CEIP Barrantes. Acompañamos as castañas asadas de xogos variados: tres en raia, mariola, encestar castañas e correr levando unha castaña nunha culler. Así, puidemos compartir esta xornada soleada cos compañeiros de clase, para o que se tomaron as medidas de seguridade pertinentes. 

Aquí tedes un vídeo da xornada. Que ben o pasamos!



venres, 5 de xuño de 2020

Día Mundial do Medio Ambiente

Hoxe celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente. Esta efeméride enmárcase no noso proxecto de centro: Vida saudable. De feito, durante este curso escolar realizamos distintas actividades encamiñadas á concienciación en prol do respecto polo medio ambiente, tal e como se recolle na entrada desde mesmo blog titulada Coidemos da Terra! 

Para celebrar este día, deixámosvos algunhas actividades para concienciarnos un pouquiño máis, se cabe, da necesidade de adoptar un papel activo no coidado do medio ambiente.

- Actividade para Infantil: Xogo de asociar os distintos tipos de residuos cos correspondentes contedores de destino.

- Actividade para Primaria: Xogo de secuencias sobre o circuito que os refugallos deben percorrer dende que se producen ata que son reciclados.
http://www.sogama.gal/gl/info/xogo-de-secuencias



domingo, 17 de maio de 2020

Feliz Día das Letras Galegas!

Hoxe celebramos o Día das Letras Galegas homenaxeando a Ricardo Carvalho Calero. No CEIP Barrantes, aproximámonos á súa figura mediante a musicalización dun poema da súa obra O fillo. Ademais, aproveitamos para facer unha escolma desas palabras que utilizamos na nosa vida diaria e que tanto nos gustan.

Aquí vos deixamos o vídeo As nosas palabras favoritas en galego, elaborado por Infantil.

 

Aquí tedes o vídeo co poema musicalizado de Ricardo Carvalho Calero, elaborado por Primaria baixo as indicacións do mestre de Educación musical.


Feliz Día das Letras Galegas!

xoves, 14 de maio de 2020

Coñezamos a Ricardo Carvalho Calero!

O Día das Letras Galegas deste ano rinde homenaxe ao ferrolán Ricardo Carvalho Calero. Filólogo, ensaísta, escritor, membro da Real Academia Galega... Para aproximarnos a esta figura polifacética e esencial da nosa lingua, non hai mellor maneira de facelo que a través da lectura dunha das súas obra: As pitas baixo a choiva

Aquí vos deixamos un enlace para que leades o conto As pitas baixo a choiva en formato dixital da editorial Embora. Ademáis, convidámosvos a escoitar as cancións inspiradas neste conto creadas pola Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra.

https://issuu.com/bucle/docs/as_pitas


 https://aspitasbaixoachoiva.bandcamp.com/album/as-pitas-baixo-a-choiva

luns, 4 de maio de 2020

A primavera, tempo de ler!

Estamos nun mes moi especial para a nosa lingua, xa que estamos a piques de celebrar o Día das Letras Galegas. Así que, por que non aproveitamos para gozar da lectura en galego? Dúas editoriais ofrecen libros na nosa lingua en soporte dixital para distintas idades. Botádelles un ollo!
 

BAÍA EDICIÓNS

Os seus libros poden descargarse en formato PDF premendo en DESCARGA.

Para 4-6 anos:
  • Nube branca quere ser astronauta, de Pablo Nogueira e Manuel Uhía (ilustracións).
    Disfrázate, sopra, canta e salta con esta sinxela historia de superación, solidariedade e empatía, que che axudará a mellorar a pronunciación. DESCARGA.
  • Un día de treboada, de María de Mata e Mariana Riestra (ilustracións). DESCARGA.
    Por que non pode unha muller ser tractorista? Falamos de igualdade, sempre a ter en conta.
  • O dragón comemedo, RuAn (texto e ilustracións). DESCARGA.
    Este conto pode axudar a superar os medos a pequenas e pequenos, nun momento en que senten que algo estraño está a pasar, sen poder saír da casa.
Para 7-8 anos:
Para 9-10 anos:
  • Boa sorte, de María Solar, Arturo Iglesias e Xosé Tomás (ilustracións). DESCARGA.
    Boa sorte tiña moi mala sorte. O primeiro que fixo foi nacer e xa non lle saíu ben, pois naceu de cu. Ciencia e aventura nunha única obra con divertidos experimentos.
  • Moko, Cristina Sáez Cazallas e Fernando Juárez (ilustracións). DESCARGA.
    Moko chegou ao noso planeta en 1998 para alertar os habitantes da Terra dos perigos da destrución da capa de ozono e vivir unha aventura inesquecible.
Para maiores de 12 anos:
  • A herdanza do marqués, de Conchi Regueiro e Noemí López Vázquez (ilustracións). DESCARGA.
    Zoila nin imaxinaba que un sitio como Vilacardoso podía encerrar tantos segredos escuros. Bastante fora con deixar a cidade, as vellas amizades e, sobre todo, a Jonathan.
  • Diario dunha noiteboa, de Jacobo González Outes. DESCARGA.
    Novela negra ambientada en Compostela e no segredo dun grupo de estudantes de universidade que vai ser desvelado no diario do principal acusado da morte dunha moza.
  • Liliput, de Manuel Lugrís Rodríguez. DESCARGA.
    A Coruña como pano de fondo nunha investigación xornalística na que se nos presenta unha época na que todo se desenvolve como un espectáculo de monicreques e onde ninguén pode escapar ao seu destino.

XERAIS

Os seus libros poden visualizarse na plataforma issuu. 

Feliz feroz El Hematocrítico, a partir de 6 anos.
https://issuu.com/edicionsxeraisdegalicia/docs/feliz_feroz_o_lobo_riquinho_ok




Fred Quincalla, o nómade do mar, Teresa González Costa, a partir de 8 anos
https://issuu.com/edicionsxeraisdegalicia/docs/fred_quincalla_o_nomade_do_mar








Dragal IV. A estirpe do dragón, Elena Gallego, xuvenil
https://issuu.com/edicionsxeraisdegalicia/docs/dragal_iv_a_estirpe_do_dragon

mércores, 22 de abril de 2020

Coidemos da Terra!

Hoxe celébrase o Día da Terra. É o momento de lembrar o noso compromiso co medio ambiente, a Terra e a nosa contorna, que levamos desenvolvendo ao longo deste curso.

O noso proxecto de centro é a Vida saudable. Para conseguila, o coidado da natureza é indispensable. A longo deste curso realizamos distintas actividades encamiñadas á concienciación en prol do respecto polo medio ambiente: reutilización de material de refugallo para elaborar disfraces de Entroido e para facer recipientes reutilizables, creación de patrullas composteiras que velan polo aproveitamento de todos os refugallos orgánicos das merendas para elaborar compost, campañas de sensibilización nas aulas para reciclar e un longo etcétera. 

Coidemos da Terra!



venres, 3 de abril de 2020

Mergullémonos na literatura infantil!

O día 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil, así que é o momento propicio para follear os libros de Gloria Fuertes, Agustín Fernández Paz, J. K. Rowling, Roald Dahl, Ledicia Costas... e deixarse transportar a outros lugares nos que vivir aventuras sen fin. Aquí vos deixamos un vídeo de Fina Casalderrei no que comparte un poema do seu próximo libro.

Mergullémonos nesta literatura que nos acompaña toda a vida!


sábado, 21 de marzo de 2020

Enchamos a nosa vida de poesía

Hoxe é o Día Mundial da Poesía e a Real Academia Galega adícallo ao poeta vigués Salvador García-Bodaño. Se queredes saber máis sobre a súa vida e deleitarvos con algúns dos seus poemas, visitade a seguinte páxina do Centro de documentación da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Que a poesía encha as nosas vidas!


luns, 9 de marzo de 2020

As nosas mulleres

Este ano, co gallo do Día da muller, no CEIP Barrantes prestamos unha especial atención ás mulleres coas que compartimos o noso día a día. O alumnado escribiu os nomes das mulleres coas que comparten a súa vida e así forraron as columnas da entrada. Ademais, o luns contamos cunha visita moi especial. Patri e Álex (do grupo Acordeireta), Isa (pandereteira) e Olivia (baile galego), deleitáronnos cun variado repertorio de música e baile tradicional galego. Grazas a eles aprendimos sobre instrumentos e melodías tradicionais, poemas galegos musicalizados, movementos básicos do noso baile e a relevancia do papel da muller na transmisión da nosa música e cultura. Moitísimas grazas pola vosa visita!






luns, 2 de marzo de 2020

O galego, unha lingua transfronteiriza

O pasado venres 21 de febreiro celebrouse o Día Internacional da Lingua Materna. Este ano a UNESCO quixo salientar as linguas locais e transfronteirizas para promover o diálogo e o patrimonio cultural dos pobos que as falan. O galego é, dalgunha maneira, unha lingua transfronteiriza, na medida en que serve como ponte con Portugal e, en xeral, coa lusofonía

Tendo en conta que este centro está a menos de 10 km de Portugal e o gran contacto que existe entre o sur de Galicia e o norte de Portugal, alumnado de 2º de Primaria elaborou un mapa de Galicia e norte de Portugal con palabras semellantes nas dúas linguas. Ademais, crearon un podcast no que entrevistan a un alumno do centro sobre a súa experiencia nun colexio de Portugal.

Aquí están algunhas fotos do traballo e a entrevista realizados
 


sábado, 29 de febreiro de 2020

Síntome Rosalía cando...

Dende o CEIP Barrantes queremos agradecervos a vosa participación no mural colaborativo sobre Rosalía de Castro e convidarvos a visitalo. As vosas achegas son moi interesantes e cargadas de sentimento. Aquí vos deixamos algunhas imaxes do traballo realizado.

#ErrantesPoloMundo_rde_20


luns, 24 de febreiro de 2020

Día de Rosalía: Errantes polo mundo

O CEIP Barrantes, como os anos anteriores, volveu unirse á proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) para celebrar o Día de Rosalía. O lema da proposta deste ano é Errantes polo mundo e convida a reflexionar sobre as inxustizas sociais das migracións, vixentes na actualidade e tamén presentes na obra de Rosalía.

O alumnado de Infantil e Primaria realizou debuxos ou escolleu imaxes que asociou a versos de Rosalía de Castro. Aquí vos deixamos unha mostra do traballo realizado.

Esperamos que estes versos vos sirvan de inspiración para participar na actividade de Síntome Rosalía cando... O mural non deixa de crecer coas vosas achegas! Cando estea rematado compartiremos imaxes, ademais de convidarvos a visitalo.

#ErrantesPoloMundo_rde_20






venres, 21 de febreiro de 2020

EntRoido baRRantiño: Reducir, Reutilizar e Reciclar

Este ano, seguindo a temática do centro sobre vida saudable, alumnos e mestres disfrazáronse reutilizando materiais. Os disfraces salientaban a importancia do coidado dos mares.

Ante as familias que viñeron compartir estes momentos con nós, o alumnado desfilou a ritmo da canción de Veleiro verde disfrazado de mergulladores, medusas, caramuxos, rochas impregnadas de chapapote e de fondo mariño que seguía ao barco barrantiño de Greenpeace reclamando un maior coidado dos nosos mares. Tamén cantaron con lingua de signos a canción de Nai Terra de Chayanne e recitaron unha graciosas coplas do meco que insistían na importancia de respectar o medio ambiente.

Graciñas por compartir estes momentos tan especiais con nós e que teñades un fantástico entroido!


venres, 7 de febreiro de 2020

Apertas que voan

Con motivo da celebración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz, o CEIP Barrantes organizou distintas actividades ao longo da semana nas que se implicou activamente o alumnado. Ademais, cada mañá, alumnos, mestres e familias compartiron cancións en distintas linguas sobre esta temática. Para as persoas que non puideron compartir estes intres de convivencia, invitámosvos a escoitar a canción de Apertas que voan de Paco Nogueira, temática escollida tamén por Infantil para traballar a Paz.