sábado, 29 de febreiro de 2020

Síntome Rosalía cando...

Dende o CEIP Barrantes queremos agradecervos a vosa participación no mural colaborativo sobre Rosalía de Castro e convidarvos a visitalo. As vosas achegas son moi interesantes e cargadas de sentimento. Aquí vos deixamos algunhas imaxes do traballo realizado.

#ErrantesPoloMundo_rde_20


luns, 24 de febreiro de 2020

Día de Rosalía: Errantes polo mundo

O CEIP Barrantes, como os anos anteriores, volveu unirse á proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) para celebrar o Día de Rosalía. O lema da proposta deste ano é Errantes polo mundo e convida a reflexionar sobre as inxustizas sociais das migracións, vixentes na actualidade e tamén presentes na obra de Rosalía.

O alumnado de Infantil e Primaria realizou debuxos ou escolleu imaxes que asociou a versos de Rosalía de Castro. Aquí vos deixamos unha mostra do traballo realizado.

Esperamos que estes versos vos sirvan de inspiración para participar na actividade de Síntome Rosalía cando... O mural non deixa de crecer coas vosas achegas! Cando estea rematado compartiremos imaxes, ademais de convidarvos a visitalo.

#ErrantesPoloMundo_rde_20






venres, 21 de febreiro de 2020

EntRoido baRRantiño: Reducir, Reutilizar e Reciclar

Este ano, seguindo a temática do centro sobre vida saudable, alumnos e mestres disfrazáronse reutilizando materiais. Os disfraces salientaban a importancia do coidado dos mares.

Ante as familias que viñeron compartir estes momentos con nós, o alumnado desfilou a ritmo da canción de Veleiro verde disfrazado de mergulladores, medusas, caramuxos, rochas impregnadas de chapapote e de fondo mariño que seguía ao barco barrantiño de Greenpeace reclamando un maior coidado dos nosos mares. Tamén cantaron con lingua de signos a canción de Nai Terra de Chayanne e recitaron unha graciosas coplas do meco que insistían na importancia de respectar o medio ambiente.

Graciñas por compartir estes momentos tan especiais con nós e que teñades un fantástico entroido!


venres, 7 de febreiro de 2020

Apertas que voan

Con motivo da celebración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz, o CEIP Barrantes organizou distintas actividades ao longo da semana nas que se implicou activamente o alumnado. Ademais, cada mañá, alumnos, mestres e familias compartiron cancións en distintas linguas sobre esta temática. Para as persoas que non puideron compartir estes intres de convivencia, invitámosvos a escoitar a canción de Apertas que voan de Paco Nogueira, temática escollida tamén por Infantil para traballar a Paz.