martes, 21 de decembro de 2021

Por un Nadal de cantigas e risas

Tras unha mañá de chocolatada e diversión, desde o CEIP Barrantes queremos desexarvos un bo Nadal.Non hai mellor xeito de facelo que con estes versos de Antonio García Teijeiro:

 

Cantigas e risas

veñen anunciar

que peta na porta

a luz do Nadal.

 

Un Nadal que amose

como vai a vida.

Un Nadal que cure

con paz as feridas.


 

martes, 30 de novembro de 2021

25N: Que o teu desexo non sexa fugaz

Para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da violencia contra a muller, realizamos dous murais conxuntos nos que participou a comunidade educativa.
Por unha banda, baixo o lema “Que o teu desexo non sexa fugaz”, e coa colaboración das familias, colgáronse estrelas elaboradas con materiais refugallo que tiñan desexos contra a violencia.
Por outra banda, nas aulas traballouse este tema en profundidade. O alumnado, a partir da lectura  do conto Rosa Caramelo, realizou distintas actividades. AS nenas e nenos de Infantil, 1º e 2º de EP reflexionaron sobre o feito de que os xoguetes non teñen xénero: todas e todos podemos xogar ao que máis nos guste. O alumnado de 3º e 4º analizou a moda sexista e descubriu que a maquillaxe e as saias poden ser usadas por homes, ademais de que calquera pode vestirse como máis lle guste. Os maiores de 5º e 6º adicáronse a investigar sobre os teitos de cristal e reflexionaron sobre o complexo que lles resulta a moitas mulleres acceder a postos directivos ou de responsabilidade.
 
Fagamos que os nosos desexos non sexan fugaces! 




martes, 16 de novembro de 2021

Un Samaín feiteceiro

Por fin chegou o día de Samaín! E con el, un feitizo que pechou as portas do cole ata que o alumnado descrubriu ao responsable! A Santa Compaña púxonolo difícil, pero empregámonos a fondo e atopamos todas as pistas que nos levaron a descubrir quen andaba detrás do meigallo. Xuntos, non hai obstáculo que se nos resista! Aquí vos deixamos un vídeo sobre o día de Samaín:


 

Tamén deixamos aquí dous vídeos coas actividades relacionadas co Samaín levadas a cabo polo alumnado . Cada grupo investigou un ser terrorífico e elaborou unha produción sobre el: poesías, manualidades, murais... Botádelle unha ollada!





domingo, 24 de outubro de 2021

Magosto en Barrantes

O pasado venres, 15 de outubro, celebramos o Magosto en Barrantes. Que mellor maneira de abrir o apetito que comezar cunha carreira! Despois de tanto exercicio, nada mellor que unhas castañas quentiñas!



mércores, 2 de xuño de 2021

Descubrindo a Xela Arias

Algo pasou no mural de Xela Arias... Varias palabras desapareceron! O alumnado buscounas polo patio e tivo que colocalas no lugar correcto para completar así a biografía da homenaxeada das Letras Galegas deste ano. Foi unha oportunidade para pasalo ben, traballar en equipo e aprender máis sobre esta poeta e defensora da nosa lingua. 

Aquí vos deixamos algunhas fotiños. 



 




xoves, 27 de maio de 2021

Senlleiras: As mulleres das letras

Onte visitou Barrantes o detective Castelao (Pedro Brandariz). Resulta que se están a cometer moitos crimes contra a lingua galega. Menos mal que contamos con cinco mulleres que traballaron de espías para defender e promocionar a nosa lingua! De xeito ameno e divertido, viaxamos polo tempo para coñecer un pouco máis a Rosalía de Castro, Francisca Herrero, María Mariño, María Victoria Moreno e Xela Arias, as cinco homenaxeadas nas Letras Galegas. O detective Castelao plantexounos un reto: seremos quen de unirnos na defensa da nosa lingua e na procura de igualdade para nenas e nenos? O alumnado do CEIP Barrantes apuntouse sen dubidalo!



mércores, 19 de maio de 2021

As letras de Xela

O Día das Letras Galegas deste ano homenaxea a Xela Arias, natural de Sarria que arraigou en Vigo. Foi poeta, escritora, tradutora, editora e profesora. Ante todo, foi unha defensora e promotora da nosa lingua. Para coñecer mellor a súa faceta de poeta, o alumnado do CEIP Barrantes escolleu distintos poemas de Darío a diario, obra que lle adicou ao seu fillo Darío. Despois de traballalos na aula, elaboraron distintas producións sobre os sentimentos e ideas que lles transmitía a lectura dos poemas. Aquí vos deixamos dous vídeos sobre o traballo realizado. 





luns, 3 de maio de 2021

IV Certame de literatura en prosa, verso e ilustración

O pasado venres tivo lugar a entrega de premios do IV Certame de literatura en prosa, verso e ilustración do CEIP Barrantes. O xurado salientou a calidade das obras presentadas, así como a dificultade para seleccionar as gañadoras. Os asistentes puideron apreciar as obras gañadoras, que foron explicadas polos seus autores (no caso das ilustracións) ou lidas (no caso dos microrrelatos e poemas).

Tal e como salientaron os presentadores da cerimonia (Blanca e Álex de 6º de Primaria), quen le moito e anda moito, ve moito e sabe moito (Miguel de Cervantes).

Aquí vos deixamos un vídeo.



mércores, 17 de marzo de 2021

As nosas mulleres

O pasado luns, 8 de marzo, conmemoramos o Día Internacional da Muller no CEIP Barrantes. Tras realizar distintas actividades de concienciación sobre a importancia da igualdade de xénero, cada clase decorou un lazo violeta co reflexionado sobre esta temática. Así mesmo, as familias participaron activamente na elaboración dun mural con fotografías de mulleres da familia realizando diversos traballos, que son esenciais para o funcionamento da nosa sociedade. Aquí vos deixamos algunhas fotiños:






mércores, 3 de marzo de 2021

Día Internacional da Lingua Materna

O pasado 21 de febreiro conmemorouse o Día Internacional da Lingua Materna. No CEIP Barrantes, alumnado de Educación Primaria elaborou un mural para concienciar sobre a importancia das linguas e o risco que corren as linguas minoritarias de desaparecer, semellante ao perigo que corren certas especies animais e vexetais de se extinguir. 

Aquí vos deixamos algunha fotiño. Tamén incluímos unha ligazón ao mapa do Endangered Languages Project, no que se ofrece información sobre linguas que están a piques de se extinguir. 





mércores, 24 de febreiro de 2021

Día de Rosalía: Teus doces cantares

 Hoxe conmemoramos o Día de Rosalía. Un ano máis sumámonos á proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). O lema deste ano é Teus doces cantares e propón unir a idea da música na literatura, a música en Rosalía e a reinvención da nosa tradición lírica-poética-musical en torno á figura desta poeta.

O alumnado de Infantil ata 3º de Primaria traballou a canción de The Lelli Kellies que musicaliza varias estrofas de Cantares Gallegos, mentres que os grupos de 4º a 6º de Primaria fixeron o mesmo coa proposta de Sabastian Black e It’s Soul sobre o poema de Negra Sombra. Aquí vos deixamos os vídeos que realizou o alumnado. 

Así mesmo, compartimos varias fotos do mural conxunto que crearon alumnado e familias. Un ano máis, a comunidade educativa participou activamente. Para render homenaxe á nosa insigne poetisa, completaron, de xeito libre, a estrofa do poema Adiós ríos; adiós, fontes que comeza así:

Miña terra, miña terra

terra donde me eu criei.


 







 #rdc_2021

#TeusDocesCantares  

martes, 23 de febreiro de 2021

Un Entroido medioambiental

Este ano o alumnado do CEIP Barrantes implicouse coa protección de animais en perigo de extinción. Cada grupo escolleu unha especie que estudou e elaborou máscaras e complementos con materiais de refugallo e reciclables. Estas actividades seguen o proxecto de centro deste ano, que é o medio ambiente.

Coa información recompilada, elaboraron un mural conxunto. Ademais, cada clase creou as súas propias Coplas do Meco, que musicalizaron seguindo as indicacións do mestre de música (ver vídeo). Estes poemas versaron sobre a importancia de reciclar e de reducir residuos, en liña co programa de Residuos Cero que está a seguir o centro. De feito, por primeira vez o Meco foi indultado. A pereira que o alumnado de 6º de Primaria decorou foi plantada e o resto dos grupos reciclaron as súas decoracións.

Durante os días previos á celebración do Entroido, cada clase recibiu pola mañá un sobre cunha adiviña sobre un animal escollido por un grupo do colexio. Tiveron que ler as adiviñas e acordar a respostas para así poder descubrir os disfraces do resto das clases. Ademais, na materia de Educación Física aproveitouse para realizar actividades físicas relacionadas cos costumes do Entroido en Galicia, como o domingo faraleiro, os xoves de compadres e comadres, o domingo boteiro, etc. (ver información).

Aquí vos deixamos un vídeo e algunhas fotiños.








xoves, 11 de febreiro de 2021

Paz medioambiental

 Este ano no CEIP Barrantes traballamos a paz nas súas diversas vertentes; tanto dende a convivencia como dende a súa relación co medio ambiente. Leváronse a cabo diversas actividades nas aulas que se plasmaron nun tren que incluía figuras relevantes da paz, achegas na vida diaria que podemos facer, receitas para a paz, etc. Así mesmo, os grupos de 5º e 6º de Primaria elaboraron un abecedegrama ambiental empregando ferramentas TIC, no que cada letra do alfabeto se correspondía cun termo relacionado co medio ambiente, a temática anual do noso centro. Tamén crearon un muro ambiental da paz no que recompilaron datos e motivos para respectar a contorna. 

Aquí vos deixamos varias imaxes e vídeos destes traballos. Que a paz sexa unha constante nas nosas vidas!