Este ano o alumnado do CEIP Barrantes implicouse coa protección de animais en perigo de extinción. Cada grupo escolleu unha especie que estudou e elaborou máscaras e complementos con materiais de refugallo e reciclables. Estas actividades seguen o proxecto de centro deste ano, que é o medio ambiente.
Coa información recompilada, elaboraron un mural conxunto. Ademais, cada clase creou as súas propias Coplas do Meco, que musicalizaron seguindo as indicacións do mestre de música (ver vídeo). Estes poemas versaron sobre a importancia de reciclar e de reducir residuos, en liña co programa de Residuos Cero que está a seguir o centro. De feito, por primeira vez o Meco foi indultado. A pereira que o alumnado de 6º de Primaria decorou foi plantada e o resto dos grupos reciclaron as súas decoracións.
Durante os días previos á celebración do Entroido, cada clase recibiu pola mañá un sobre cunha adiviña sobre un animal escollido por un grupo do colexio. Tiveron que ler as adiviñas e acordar a respostas para así poder descubrir os disfraces do resto das clases. Ademais, na materia de Educación Física aproveitouse para realizar actividades físicas relacionadas cos costumes do Entroido en Galicia, como o domingo faraleiro, os xoves de compadres e comadres, o domingo boteiro, etc. (ver información).
Aquí vos deixamos un vídeo e algunhas fotiños.
Ningún comentario:
Publicar un comentario