mércores, 22 de abril de 2020

Coidemos da Terra!

Hoxe celébrase o Día da Terra. É o momento de lembrar o noso compromiso co medio ambiente, a Terra e a nosa contorna, que levamos desenvolvendo ao longo deste curso.

O noso proxecto de centro é a Vida saudable. Para conseguila, o coidado da natureza é indispensable. A longo deste curso realizamos distintas actividades encamiñadas á concienciación en prol do respecto polo medio ambiente: reutilización de material de refugallo para elaborar disfraces de Entroido e para facer recipientes reutilizables, creación de patrullas composteiras que velan polo aproveitamento de todos os refugallos orgánicos das merendas para elaborar compost, campañas de sensibilización nas aulas para reciclar e un longo etcétera. 

Coidemos da Terra!



venres, 3 de abril de 2020

Mergullémonos na literatura infantil!

O día 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil, así que é o momento propicio para follear os libros de Gloria Fuertes, Agustín Fernández Paz, J. K. Rowling, Roald Dahl, Ledicia Costas... e deixarse transportar a outros lugares nos que vivir aventuras sen fin. Aquí vos deixamos un vídeo de Fina Casalderrei no que comparte un poema do seu próximo libro.

Mergullémonos nesta literatura que nos acompaña toda a vida!