venres, 20 de decembro de 2019

Un Nadal solidario

Este ano fixemos unha celebración moi especial no CEIP Barrantes. Comezamos a mañá con obradoiros de adornos de Nadal nos que contamos coa colaboración das familias. Despois, puxemos o noso gran de area cun obradoiro solidario para SOS Tomiño. Coa inestimable axuda das familias, fixemos paquetiños cos doces de Nadal doados e escribimos os nosos mellores desexos de Nadal para as persoas que os reciban. 

Foi necesario realizar unha pequena pausa para recuperar folgos, así que alumnado, familias e profesorado compartimos unha chocolatada organizada pola ANPA. Por último, empregámonos a fondo no Mercadillo de Nadal para a viaxe de fin de curso. 

Non podemos deixar pasar esta oportunidade para darvos as grazas pola vosa implicación e desexarvos un bo Nadal. Vémonos á volta de xaneiro con enerxías renovadas para continuar aprendendo día a día. 


Un magosto para compartir

O pasado 19 de novembro celebramos o magosto no CEIP Barrantes. A pesar deste outono chuvioso, o mal tempo non impediu que familias, alumnado e profesorado do centro se reunisen e compartisen non só castañas asadas, senón risos e bos momentos. As nenas e nenos tamén tiveron oportunidade de utilizar a manualidade reciclada que elaboraran en Samaín para gardar as castañas, dándolle así unha segunda vida a material de refugallo.

Aproveitamos para lembrar que a Carreira Barrantiña está posposta ata próximo aviso. Mentres, estades todos convidados a botar unha ollada aos materiais sobre coidado do medio ambiente enviados pola ONG Amigos da Terra, á que se destinan os fondos que se recaden nesta carreira solidaria.