luns, 14 de marzo de 2022

Semana da Prensa e 8M: Camiñando Xuntas

Este ano aproveitamos a celebración da Semana da Prensa para reflexionar sobre a igualdade entre mulleres e homes. Baixo o lema "Camiñando Xuntas", o alumnado de Infantil e Primaria elaborou un mural cooperativo no que recompilou noticias e artigos xornalísticos que visibilizan o papel das mulleres na sociedade. Así mesmo, as familias contribuíron á creación desta homenaxe ao 8M que simboliza as pegadas firmes das mulleres que loitan a cotío pola igualdade e a visibilización.

 


 


luns, 7 de marzo de 2022

Un Entroido Superecolóxico!

O pasado venres 25 celebramos o Entroido no CEIP Barrantes. Cada grupo inventou un heroe / heroína cun poder ecolóxico e creou o seu disfrace con materiais de refugallo ou reciclables.

Nos días previos ao Entroido, o Meco Ciclón, que non fai máis que contaminar, deu as ordes que obedeceron os alumnos. Disfrazáronse de Tanxugueiras, deportistas, do que lles apetecía e de durmilóns. Así mesmo, o Meco Ciclón puxo a proba os coñecementos do alumnado sobre o coidado do planeta. Cada mañá, as distintas clases recibiron unha pregunta sobre a ecoloxía que os invitaba a reflexionar sobre o impacto das nosas accións no medio ambiente.

O venres 25, os Superecolóxicos, fartos de tanta contaminación, viñeron ao rescate do CEIP Barrantes, rapearon as Coplas do Meco e reciclaron ao Meco Ciclón! Aquí vos deixamos un vídeo deste día tan especial!