xoves, 14 de maio de 2020

Coñezamos a Ricardo Carvalho Calero!

O Día das Letras Galegas deste ano rinde homenaxe ao ferrolán Ricardo Carvalho Calero. Filólogo, ensaísta, escritor, membro da Real Academia Galega... Para aproximarnos a esta figura polifacética e esencial da nosa lingua, non hai mellor maneira de facelo que a través da lectura dunha das súas obra: As pitas baixo a choiva

Aquí vos deixamos un enlace para que leades o conto As pitas baixo a choiva en formato dixital da editorial Embora. Ademáis, convidámosvos a escoitar as cancións inspiradas neste conto creadas pola Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra.

https://issuu.com/bucle/docs/as_pitas


 https://aspitasbaixoachoiva.bandcamp.com/album/as-pitas-baixo-a-choiva

luns, 4 de maio de 2020

A primavera, tempo de ler!

Estamos nun mes moi especial para a nosa lingua, xa que estamos a piques de celebrar o Día das Letras Galegas. Así que, por que non aproveitamos para gozar da lectura en galego? Dúas editoriais ofrecen libros na nosa lingua en soporte dixital para distintas idades. Botádelles un ollo!
 

BAÍA EDICIÓNS

Os seus libros poden descargarse en formato PDF premendo en DESCARGA.

Para 4-6 anos:
  • Nube branca quere ser astronauta, de Pablo Nogueira e Manuel Uhía (ilustracións).
    Disfrázate, sopra, canta e salta con esta sinxela historia de superación, solidariedade e empatía, que che axudará a mellorar a pronunciación. DESCARGA.
  • Un día de treboada, de María de Mata e Mariana Riestra (ilustracións). DESCARGA.
    Por que non pode unha muller ser tractorista? Falamos de igualdade, sempre a ter en conta.
  • O dragón comemedo, RuAn (texto e ilustracións). DESCARGA.
    Este conto pode axudar a superar os medos a pequenas e pequenos, nun momento en que senten que algo estraño está a pasar, sen poder saír da casa.
Para 7-8 anos:
Para 9-10 anos:
  • Boa sorte, de María Solar, Arturo Iglesias e Xosé Tomás (ilustracións). DESCARGA.
    Boa sorte tiña moi mala sorte. O primeiro que fixo foi nacer e xa non lle saíu ben, pois naceu de cu. Ciencia e aventura nunha única obra con divertidos experimentos.
  • Moko, Cristina Sáez Cazallas e Fernando Juárez (ilustracións). DESCARGA.
    Moko chegou ao noso planeta en 1998 para alertar os habitantes da Terra dos perigos da destrución da capa de ozono e vivir unha aventura inesquecible.
Para maiores de 12 anos:
  • A herdanza do marqués, de Conchi Regueiro e Noemí López Vázquez (ilustracións). DESCARGA.
    Zoila nin imaxinaba que un sitio como Vilacardoso podía encerrar tantos segredos escuros. Bastante fora con deixar a cidade, as vellas amizades e, sobre todo, a Jonathan.
  • Diario dunha noiteboa, de Jacobo González Outes. DESCARGA.
    Novela negra ambientada en Compostela e no segredo dun grupo de estudantes de universidade que vai ser desvelado no diario do principal acusado da morte dunha moza.
  • Liliput, de Manuel Lugrís Rodríguez. DESCARGA.
    A Coruña como pano de fondo nunha investigación xornalística na que se nos presenta unha época na que todo se desenvolve como un espectáculo de monicreques e onde ninguén pode escapar ao seu destino.

XERAIS

Os seus libros poden visualizarse na plataforma issuu. 

Feliz feroz El Hematocrítico, a partir de 6 anos.
https://issuu.com/edicionsxeraisdegalicia/docs/feliz_feroz_o_lobo_riquinho_ok




Fred Quincalla, o nómade do mar, Teresa González Costa, a partir de 8 anos
https://issuu.com/edicionsxeraisdegalicia/docs/fred_quincalla_o_nomade_do_mar








Dragal IV. A estirpe do dragón, Elena Gallego, xuvenil
https://issuu.com/edicionsxeraisdegalicia/docs/dragal_iv_a_estirpe_do_dragon

mércores, 22 de abril de 2020

Coidemos da Terra!

Hoxe celébrase o Día da Terra. É o momento de lembrar o noso compromiso co medio ambiente, a Terra e a nosa contorna, que levamos desenvolvendo ao longo deste curso.

O noso proxecto de centro é a Vida saudable. Para conseguila, o coidado da natureza é indispensable. A longo deste curso realizamos distintas actividades encamiñadas á concienciación en prol do respecto polo medio ambiente: reutilización de material de refugallo para elaborar disfraces de Entroido e para facer recipientes reutilizables, creación de patrullas composteiras que velan polo aproveitamento de todos os refugallos orgánicos das merendas para elaborar compost, campañas de sensibilización nas aulas para reciclar e un longo etcétera. 

Coidemos da Terra!



venres, 3 de abril de 2020

Mergullémonos na literatura infantil!

O día 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil, así que é o momento propicio para follear os libros de Gloria Fuertes, Agustín Fernández Paz, J. K. Rowling, Roald Dahl, Ledicia Costas... e deixarse transportar a outros lugares nos que vivir aventuras sen fin. Aquí vos deixamos un vídeo de Fina Casalderrei no que comparte un poema do seu próximo libro.

Mergullémonos nesta literatura que nos acompaña toda a vida!


sábado, 21 de marzo de 2020

Enchamos a nosa vida de poesía

Hoxe é o Día Mundial da Poesía e a Real Academia Galega adícallo ao poeta vigués Salvador García-Bodaño. Se queredes saber máis sobre a súa vida e deleitarvos con algúns dos seus poemas, visitade a seguinte páxina do Centro de documentación da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Que a poesía encha as nosas vidas!


luns, 9 de marzo de 2020

As nosas mulleres

Este ano, co gallo do Día da muller, no CEIP Barrantes prestamos unha especial atención ás mulleres coas que compartimos o noso día a día. O alumnado escribiu os nomes das mulleres coas que comparten a súa vida e así forraron as columnas da entrada. Ademais, o luns contamos cunha visita moi especial. Patri e Álex (do grupo Acordeireta), Isa (pandereteira) e Olivia (baile galego), deleitáronnos cun variado repertorio de música e baile tradicional galego. Grazas a eles aprendimos sobre instrumentos e melodías tradicionais, poemas galegos musicalizados, movementos básicos do noso baile e a relevancia do papel da muller na transmisión da nosa música e cultura. Moitísimas grazas pola vosa visita!






luns, 2 de marzo de 2020

O galego, unha lingua transfronteiriza

O pasado venres 21 de febreiro celebrouse o Día Internacional da Lingua Materna. Este ano a UNESCO quixo salientar as linguas locais e transfronteirizas para promover o diálogo e o patrimonio cultural dos pobos que as falan. O galego é, dalgunha maneira, unha lingua transfronteiriza, na medida en que serve como ponte con Portugal e, en xeral, coa lusofonía

Tendo en conta que este centro está a menos de 10 km de Portugal e o gran contacto que existe entre o sur de Galicia e o norte de Portugal, alumnado de 2º de Primaria elaborou un mapa de Galicia e norte de Portugal con palabras semellantes nas dúas linguas. Ademais, crearon un podcast no que entrevistan a un alumno do centro sobre a súa experiencia nun colexio de Portugal.

Aquí están algunhas fotos do traballo e a entrevista realizados