DÍA DE ROSALÍA- 24 de febreiro
Hoxe celebramos todo o cole o Día de Rosalía. O mural de Rosalía e as súas poesías en bolboretas e flores chegaron dende moito tempo atrás para enchernos de fermosos versos.
Despois de que cada neno e nena fixera a súa poesía e colgara no mural, reunímonos todos/as no 1º andar do cole para presentar á nosa poetisa e dar lectura pública a poemas da súa obra.
Esta foi a presentación realizada polos nenos e nenas de 6º:
Hai 182 anos que naceu Rosalía de Castro no Hospital Real en Santiago un 24 de febreiro de 1837. Falecería 48 anos despois deixándonos unha obra poética e prosa impresionante, que nin ela puido sospeitar sequera o que significaría para moitas persoas.
Os seus poemas, os seus cantares, acompañaron, dende aquela, a cultura deste país.
Escribir en galego na época en que viviu Rosalía non era nada fácil por moitos motivos pero sobre todo porque a lingua galega era moi pouco valorada e desprezada.
As súas tres obras clave foron Cantares gallegos, Follas novas y En las orillas del Sar.
Foi o 17 de maio de 1863 cando Manuel Murguía fixo entrega á imprenta viguesa de Compañel o manuscrito rosaliano de Cantares Gallegos, e dende 1963 a Real Academia Galega empregou esta data para homenaxear a aquelas persoas que destacasen pola súa creación literaria en idioma galego e pola defensa desta lingua.
Este ano 2019 será Antón Fraguas o homenaxeado nas Letras Galegas.
Pero volvamos a Rosalía, para dicir que a súa poesía se caracterizou por ser intimista, pesimista e a súa vez pola defensa do popular, da cultura e da lingua galega.
A Rosalía lle doía a pobreza de Galicia e lamentábase da perda que supoñía a emigración dos galegos.
Neste día de celebración da máis internacional poetisa galega queremos convidarvos en primeiro lugar á lectura pública, aquí entre todos e todas, de poemas de Rosalía e despois a cantar todos xuntos Rosalía pequeniña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario