mércores, 14 de febreiro de 2018

Xa veñen os entruidos!

Este venres 9 de febreiro, celebramos o entroido en Barrantes. Este ano de entruidos, farricoques.

ENTRUIDOS e  FARRICOQUES

Os Entruidos ou Farricoques eran uns disfraces que se vían por esta zona, que consistían en ir vestidos con roupas vellas, homes vestidos de mulleres e mulleres de homes. Metíanse coa xente dándolles cun pau, botándolles fariña, e facendo burla. Recorrían as casas pedindo marruchos, filloas, orellas,... polas portas das casas e nesta zona mesmo tamén pedían pesetas (moeda anterior ao euro). 
Este ano no cole de Barrantes decidimos recuperar a nosa tradición.
Os entruidos ou tamén chamados farricoques poñen enriba roupa e farrapos vellos que atopan pola casa. Adoitan ser mozos ou rapaces da aldea que collen emprestados para esta ocasión aquelas pezas do vestuario que xa non usan os maiores. Tamén cobren a cabeza con sombreiros pasados de moda ou panos que lles fan parecer vellas ou vellos, e anacos de cordas que fan as veces dun cinturón. Así vestidos, van polos camiños da parroquia cantando e facendo balbordo, aparte de diversas bromas ou pilladas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario